Fármaco

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Fármaco en pílulas.

Un fármaco[1] (gr. φάρμακον), ás veces referido como medicina, menciña ou medicamento[2] é toda substancia química purificada empregada na prevención, diagnóstico, tratamento, mitigación ou cura dunha doenza,[3][4] para evitar a aparición dun proceso fisiolóxico non desexado ou ben para modificar condicións fisiolóxicas con fins específicos. É unha substancia, simple ou composta, utilizada como finalidade terapéutica contra as manifestacións patolóxicas, tanto se se produce a curación - suprimindo a causa da enfermidade - coma se só atenúa os síntomas.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia da farmacia.

Desde as máis antigas civilizacións o home utilizou como forma de alcanzar melloría en distintas enfermidades produtos de orixe vexetal, mineral, animal ou nos últimos tempos sintéticos.[6] O coidado da saúde estaba en mans de persoas que exercían a dobre función de médicos e farmacéuticos, estes eran en realidade médicos que preparan os seus propios remedios curativos, chegando algún deles a alcanzar un grande renome na súa época, como é o caso do grego Galeno (130-200). Del provén o nome da Galénica, como a forma adecuada de preparar, dosificar e administrar os fármacos. Na cultura romana existían numerosas formas de administrar as substancias utilizadas para curar enfermidades. Así, utilizábanse os electuarios que eran unha mestura de varios pos de herbas e raíces medicinais aos que se lles engadía unha porción de mel fresco. O mel ademais de ser a substancia que servía como vehículo dos principios activos, daba mellor sabor ao preparado. En ocasións usábase azucre. Tamén adoitaba utilizarse un xarope o cal xa contiña azucre, no canto de auga, disolto e o conxunto preparábase formando unha masa pastosa.[7] Precisamente Galeno fixo famosa a gran triaga á que dedicou unha obra completa, e que consistía nun electuario que chegaba a conter máis de 60 principios activos diferentes.[8] Pola importancia de Galeno na Idade Media, a triaga fíxose moi popular durante esta época, deixando de estar autorizada para o seu uso en España en pleno século XX.[9] É precisamente na Idade Media onde comeza a súa actividade o farmacéutico separado do médico. Na súa botica realiza as súas preparacións maxistrais, entendidas como a preparación individualizada para cada paciente dos remedios prescritos, e agrúpanse en gremios xunto aos médicos. No renacemento vaise producindo unha separación máis clara da actividade farmacéutica fronte a dos médicos, cirurxiáns e especieiros, mentres que se vai producindo unha revolución no coñecemento farmacéutico que se consolida como ciencia na Idade Moderna. A formulación maxistral é a base da actividade farmacéutica conxuntamente coa formulación oficinal, debido ao nacemento e proliferación de farmacopeas e formularios, e esta situación continúa ata a segunda metade do século XIX.[10]

A partir deste momento empezan a aparecer os específicos, que consistían en medicamentos preparados industrialmente por laboratorios farmacéuticos. É así, que as formas galénicas non adquirirán verdadeiro protagonismo ata ao redor de 1940, cando a industria farmacéutica desenvólvese e estas comezan a fabricarse en grandes cantidades. Desde entón ata hoxe en día os xeitos en que se presentan os medicamentos foron evolucionando e a diversidade que atopamos no mercado é moi ampla.[11]

Forma farmacéutica[editar | editar a fonte]

Forma galénica ou forma farmacéutica é a disposición individualizada a que se adaptan os fármacos (principios activos) e excipientes (materia farmacoloxicamente inactiva) para constituír un medicamento.[12] Ou dito doutra forma, a disposición externa que se dá ás substancias medicamentosas para facilitar a súa administración.

O primeiro obxectivo das formas galénicas é normalizar a dose dun medicamento, por iso tamén se coñecen como unidades posolóxicas. Ao principio elaboráronse para poder establecer unidades que tivesen unha dose fixa dun fármaco co que se puidese tratar unha determinada patoloxía".[11]

A importancia da forma farmacéutica reside en que determina a eficacia do medicamento, xa sexa liberando o principio activo de xeito lento, ou no seu lugar de maior eficiencia no tecido branco, evitar danos ao paciente por interacción química, solubilizar substancias insolubles, mellorar sabores, mellorar aspecto etc.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Os medicamentos divídense en cinco grupos:

  • Especialidade farmacéutica: É o medicamento de composición e información definidas, de forma farmacéutica e dosificación determinadas, preparado para o seu uso medicinal inmediato, disposto e acondicionado para a súa dispensación ao público, con denominación, embalaxe, envase e etiquetado uniformes segundo o dispoñan as autoridades sanitarias.
  • Fórmula maxistral: É o medicamento destinado a un paciente individualizado, preparado polo farmacéutico, ou baixo a súa dirección, para cumprimentar expresamente unha prescrición facultativa detallada das substancias medicinais que inclúe, segundo as normas técnicas e científicas da arte farmacéutica, dispensado na súa farmacia ou servizo farmacéutico e coa debida información ao usuario.
  • Preparado ou fórmula oficinal: É aquel medicamento